O xurado destaca da Asesoría Xurírica da Deputación de Lugo a súa "insólita e valente" decisión de impulsar unha galeguización integral na práctica xurídica e a súa aposta decidida pola lingua galega "que se está a converter nun referente para outras administracións públicas, colexios profesionais e asociacións de letrados".
Da xornalista e comunicadora Esther Estévez, que desenvolve o seu labor na área de información da TVG, recoñece o seu firme compromiso coa promoción e normalización da lingua galega, destacando como presentadora do espazo “Dígocho eu” para achegar a lingua galega ás novas xeracións "dun xeito atractivo e actual". O xurado valora especialmente a súa capacidade para conectar coa xuventude, trasladando contidos lingüísticos de forma lúdica e accesible, promovendo un sentimento de orgullo e pertenza arredor da lingua galega.
Miguel Anxo Seixas, doutor en Historia da Arte Moderna e Contemporánea, é un dos máis destacados investigadores da intelectualidade galega. O seu traballo académico e divulgativo salienta especialmente pola profunda dedicación á figura de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, sendo ademais, impulsor da Fundación Castelao. O xurado destaca o seu compromiso coa promoción da lingua e identidade do país, así como coa recuperación de figuras clave da nosa historia e pensamento.